Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Recoñecemento ó traballo

O Consello da Xunta acorda entregar a Isaac Díaz Pardo a Medalla de Ouro de Galicia


Etiquetas: Día de Galicia, Xunta, Díaz Pardo

O galardón supón un recoñecemento á labor desempeñada polo recoñecido intelectual a prol da defensa dos intereses e do desenvolvemento de Galicia.

Betti Vázquez (Santiago).

O Consello da Xunta aprobou esta mañá a concesión da Medalla de Galicia na súa categoría de Ouro ó recoñecido intelectual Isaac Díaz Pardo, quen foi un dos principais impulsores do grupo Sargadelos.

O galardón, que vén a recoñecer a traxectoria de Díaz Pardo a prol do galeguismo e da difusión da cultura do país, en especial nos eidos da literatura e das belas artes, será entregado o vindeiro 25 de xullo nunha cerimonia solemne, coincidindo coa celebración do Día de Galicia. A homenaxe destaca "o periplo dun home que levou a bandeira da arte galega por tódolos países nos que viviu ou pasou parte da súa vida", tal e como se indicou na reunión de hoxe.

Unha vida dedicada a Galicia
Isaac Díaz Pardo naceu en 1920 na casa da Tumbona, na compostelá Rúa das Hortas. Dende cativo frecuentou o taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño, no que se celebraban reunións na órbita das Irmandades da Fala, das que o seu pai era militante activo.

Os sucesos da guerra civil segaron a vida de seu pai cando Díaz Pardo cursaba o bacharelato de proxectaba acceder á Escola de Arquitectura. Pero a contenda trocou os seus plans e levouno primeiro a esconderse para salvar a vida e despois a traballar como rotulista nunha industria coruñesa.

Rematada a guerra, Isaac estudou Belas Artes e en 1942, coa carreira rematada, unha beca permitiulle viaxar a Italia para mostrar o seu talento. Anos despois optou por abandonar a súa dedicación ás artes plásticas e comezou a súa obra ceramista ensaiando con materias primas empregadas no vello Sargadelos, das que conseguiu tirar unha porcelana de moi boa calidade.

No 1955 viaxou á Arxentina por vez primeira, onde atopou o apoio doutros intelectuais galegos exiliados para proxectar a creación dunha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica galega, proxectos coma a restauración das fábricas de Sargadelos e de Cerámicas do Castro, que se converteron logo en realidade.

Pero Díaz Pardo cultivou tamén o ensaio e a crítica, cunha produción que no 2003 lle outorgou o Premio das Artes e das Letras de Galicia, un entre moitos dos recoñecementos que o intelectual recibiu polo seu traballo dedicado a Galicia.

Afastado da empresa que fundou
O consello de administración de Cerámicas do Castro, empresa fundada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane hai xa 60 anos, foi renovado a comezos do ano pasado e deixou fóra ó seu promotor.

Segundo sinalara o propio Díaz Pardo no seu momento, a renovación do consello "tería que producirse tarde ou cedo, porque eu teño unha idade, pero este cambio non se debe a iso, senón ao interese por comerciar co valor e o patrimonio que o nome de Sargadelos supón".

O que non lle quitaron daquela foi a presidencia de Cerámicas de Sargadelos e o patronado da fundación do mesmo nome, cargos que exerceu ata xuño de 2006, cando a xunta de accionistas de Sargadelos celebrou unha reunión na que afondaron os enfrontamentos internos e que culminou coa sinatura da saída de Díaz Pardo e dos seus fillos do grupo empresarial.

Os accionistas argumentaron daquela a necesidade de adaptar a empresa ós novos tempos e a oposición do histórico galeguista a dialogar para afastalo definitivamente dunha entidade da que fora fundador.

05/07/2007

4'4 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Isaac Díaz Pardo (Otto. AGN)
Isaac Díaz Pardo (Otto. AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso