Datos de interés

  • Domingo 05.07.2009

Pesca

O Plan Acuícola permitirá crear 13 novas piscifactorías e ampliar outras tantas


Etiquetas: pesca, Rede Natura, medio ambiente

O novo Plan Acuícola permitirá crear 13 novas piscifactorías e ampliar outras tantas. Pese a que frea a instalación de novas plantas en espazos protexidos, permitirá a ampliación de tres explotacións acuícolas en máis de 56.000 metros cadrados de terreos da Rede Natura. O proxecto substitúe o anterior Plan Sectorial de 2005, que proxectaba explotacións acuícolas en máis de 650.000 metros cadrados da Rede Natura

Nair Mesejo/Jacobo Rey. AGN (Santiago).

O novo Plan Galego de Acuicultura elaborado pola Consellería de Pesca permitirá a posta en marcha de 13 novas piscifactorías nas costas galegas e a ampliación doutras 13 xa existentes.

Tres destas ampliacións afectarán a espazos da Rede Natura 2000. Trátase das piscifactorías de Lira, en Carnota; Meirás, en Valdoviño; e Bico da Ran, en Cambados. En conxunto, 55.870 metros cadrados en espazos protexidos.

A Consellería de Pesca xustifica estas ampliacións en que se trata do "mínimo imprescindible para permitir a viabilidade de empresas asentadas e con boas perspectivas de futuro que doutro xeito terían que pechar as instalacións".

Con todo, o novo Plan Acuícola supón un freo á instalación de piscifactorías en zonas de protección ambiental, xa que non permite ningunha nova instalación en terreos protexidos. No antigo Plan Sectorial de 2005, impulsado polo anterior goberno e paralizado polo actual Executivo, prevíase a adxudicación de máis de 650.000 metros cadrados de terreos pertencentes á Rede Natura 2000.

Un dos proxectos máis polémicos, e que foi paralizado, era a planta que Pescanova ía instalar en Cabo Touriñán, e que suporía ocupar 238.000 metros cadrados de espazos de especial protección medio ambiental.

370 millóns de €, 24.000 toneladas de peixe
A superficie total adicada piscifactorías establecida polo plan de Acuicultura, entre as plantas de nova creación e as ampliacións, ascende a 3'17 millóns de metros cadrados en 26 explotacións, un 31% máis que no anterior Plan Sectorial de 2005.

Segundo os datos do propio Plan, a posta en marcha dos 26 proxectos, permitirá acadar unha produción anual de 23.873 toneladas. Tan só a nova planta de Laxe Brava, en Ribeira, producirá 2.156 toneladas anuais de peixe. A súa extensión, 308.000 metros cadrados convértea na granxa acuícola de maior importancia entre todas as que se inclúen no plan.

Pesca calcula que a inversión total para estes proxectos ascenderá a 371,8 millóns de euros. A granxa que requirirá un maior orzamento é a de Lago, no concello lucense de Xove, para a que se prevé un investimento de máis de 43 millóns de euros. As previsións en canto a emprego falan de 2.000 postos de traballo directos, segundo informou no Parlamento o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga.

Unha vez feito público o documento, iníciase agora un proceso de 45 días de exposición pública para presentar alegacións, tralo que seguirán os trámites legais necesarios para a súa aprobación.

- Ubicacións das novas piscifactorías

  • A Coruña (6): Laxe Brava, en Ribeira; Tal, en Muros; Cabo Cee, en Corcubión; Camelle, en Camariñas; Xandriña, en Camariñas e Vimianzo; Seiruga, en Malpica.
  • Lugo (6): Regodola e Morás, en Xove; Gralleira e Sarrido, en Foz; Foxo Longo e Corvo, en Ribadeo.
  • Pontevedra (1): Orelludas, en Santa María de Oia.

- Ampliacións de piscifactorías xa existentes:

  • A Coruña (7): Couso-Aguiño, en Ribeira; Sera, en Porto do Son; Lira e Quilmas, en Carnota; Merexo, en Muxía; San Felipe, en Ferrol; e Meirás, en Valdoviño.
  • Lugo (1): Lago, en Xove.
  • Pontevedra (4): Mougás, en Santa María de Oia; Punta dos Patos, en Cangas; Bico da Rán, en Cambados; Punta Moreiras e Ardía, no Grove.

- Ampliacións en terreos da Rede Natura:

  • Bico da Ran, Cambados. 40.000 m2 en Rede Natura. Empresa: Acuacría Arosa
  • Lira, Carnota. 10.000 m2 en Rede Natura. Empresa: Stolt Sea Farm S.A.
  • Meirás, Valdoviño. 5.870 m2 en Rede Natura. Empresa: Luso Hispana de Acuicultura S.L.

30/06/2007

4'7 (3 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Rodaballo de piscifactoría (Foto: AGN)
Rodaballo de piscifactoría (Foto: AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso