Mónica Sequeiro. AGN (Santiago).
O PPdeG manifestou hoxe definitivamente o seu rexeitamento ao Decreto do uso e promoción do galego no ensino, aprobado onte polo Consello da Xunta. Aseguran que na redacción final do texto "non se garante o equilibrio entre as linguas nin os dereitos lingüísticos" e, que "abre a porta a un modelo monolingüísta en galego que empobrece a educación en Galicia".
Expresouno hoxe a voceira de Educación do PPdeG, Manuela López Besteiro, quen asegurou que no Decreto "non se atenden as recomendacións do Consello Consultivo" para establecer as garantías de igualdade e equilibrio entre o galego e o castelán.
O PPdeG, que anteriormente pactara o decreto con PSdeG e BNG, recoñece que o texto "pode cumprir" o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004. Con todo, matizan que o Plan era un marco moi amplo que tiña que completarse con outras garantías que o Decreto do galego no ensino non recolle.
Besteiro non explicou as medidas que vai adoptar o seu partido con respecto ao Decreto aprobado aprobado onte. Manifestou que seguirán a defender o Plan de Normalización Lingüística e que, en canto ao texto sobre o uso do galego no ensino, "sinalamos as eivas que ten, non sabemos o que vai a facer o Goberno".
O bipartito defende o texto
As críticas á postura do Partido Popular non se fixeron esperar. A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, defendeu o texto do Decreto asegurando que garante, tanto o equilibrio das dúas linguas, como os dereitos lingüísticos de pais e alumnos. Reiterou que o texto recolle "arredor dun 90%" das recomendacións do Consello Consultivo, "en aras do consenso", pese a que estas non son de carácter vinculante.
O deputado do BNG, Bieito Lobeira, atribuíu o cambio de postura do PPdeG a directrices recibidas dende a dirección do partido en Madrid. Recriminoulle ao grupo da oposición que "se alíe cun dos sectores máis ultradereitistas e antigalegos" do seu partido e que deixe que "quen tome as rendas sexan Jiménez Losantos, Rajoy e Zaplana".
Lobeira acusou ao PPdeG de "desmarcarse dun consenso de meses", e defendeu que o texto "foi negociado ata a última coma" e que non se introduciron modificacións posteriores como argumenta a oposición.
29/06/2007
non estaba cantado, estaba cantadísimo. E non só é que os dirixan desde madrid, agora pretenden abandeirar algún movemento de fascistas que andan a xurdir últimamente pola rede. Agardemos q os medios non lle dean demasiada cobertura ao que se achega pero... xa tenhen o arsenal moi rodado nos seus sectores.