Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Francia

¿A que xoga Sarkozy?


Etiquetas: Sarkozy, Francia

Juan Castro (Santiago).

Incluso para os máis 'sarkozystas', o primeiro goberno xurdido das eleccións presidenciais foi desconcertante. ¿Carteiras para figuras relevantes da esquerda como Eric Besson ou, sobre todo, Bernard Kouchner, co-fundador de 'Médicos sen fronteiras' e un dos líderes do Maio do 68? Para calmarse. O movemento quixo interpretarse como un guiño aperturista de Sarkozy de cara ás eleccións lexislativas. De paso reforzaba a imaxe dunha Ségolène Royal débil da que renegan incluso os seus compañeiros. En resumo, un xesto á galería que tería difícil continuidade despois do 'tsunami azul' que se agardaba nas eleccións do pasado domingo.

Pero para todos eses leais seguidores do novo 'Gran Líder', o segundo gabinete da era Sarkozy anunciado o luns supón a confirmación dun pesadelo. Despois de anos agardando o seu momento, acompañándoo na travesa pola sombra cando todo o aparato Chirac estaba en contra, agora non hai sitio para eles no Poder.

O 'petit Nicolas', desatado na súa 'febre aperturista', non só non reduciu os cargos para a esquerda e centro, senón que os aumentou. Entre Ministros, Secretarios de Estado e Alto Comisionados, seis membros xurdidos do Partido Socialista e outros tres para “Nouveau Centre”, próximos a François Bayrou. En total, un terzo do goberno sen selo da UMP e entregado a “estraños”.

A emigración no gabinete
A última (e sorprendente) fichaxe é Fadela Amara, líder feminista de orixe arxelino, fundadora da asociación “Nin putas nin sumisas”, nomeada Secretaria de Estado para a Política Cidadá. Na práctica, será a encargada de evitar novos brotes de violencia nos suburbios.

Amara naceu nunha banlieu francés no seo dunha familia obreira de orixe arxelina. Ós 14 anos, sufriu a perda dun irmán, embestido por un condutor ebrio que nunca foi xulgado. Dende entón, adica a súa vida, a loitar pola igualdade de dereitos para os inmigrantes.

No 2003, funda o movemento “Nin putas nin sumisas”, un movemento que quería evidenciar as mulleres dos suburbios, denunciando os  matrimonios forzados ou as violacións colectivas. Poucos podían imaxinarse que esta muller, moi crítica coa xestión de Sarkozy durante as revoltas de París, remataría integrándose no seu gabinete.

A Fadela Amara, hai que engadir a Rachida Dati, nova ministra de Xustiza, e a Rama Yade, Secretaria de Estado de Dereitos Humanos que ós seus 30 anos é unha das firmes promesas dos conservadores franceses. Paradoxal, se temos en conta as durísimas políticas migratorias que Sarkozy aplicou dende o Ministerio do Interior.

¿Bombóns mediáticos?
De momento os 'amigos agraviados' de Sarkozy non fan público o seu descontento. Dende as filas socialistas, en cambio, acúsase a Sarkozy de fichar “bombóns mediáticos”. O (aínda) secretario xeral do PS, François Hollande, fala de “cortina de fume” para tentar estrangular á Esquerda.

Malia todo, estas fichaxes parecen atopar máis consideración na súa familia de acollida que na de orixe. Dende o Elíseo sinálase que a presencia destas tres mulleres que ben poderían ter ido da man da Esquerda, demostra que Sarkozy conseguiu converter á Dereita nunha opción desexable. En resumidas contas, que gañou a batalla ideolóxica, todo un golpe para unha esquerda que vive aínda dos valores herdados no 68.

Pero na UMP hai certo medo que estes 'fillos adoptivos' se convertan a longo prazo nunha bomba de reloxería. As olladas vólvense especialmente ao novo ministro de Exteriores, toda unha honra nun país que sempre se autoconsiderou epicentro de diplomacia. ¿Como se van entender un dos líderes estudantís do histórico Maio Francés  e quen presume de querer enterrar o seu espírito? Solución fácil: non falar do tema. 'Sarko' sabe que reter a Kouchner pode supoñer un golpe de mestre, triunfar nunha apertura na que outros como Mitterand ou Chirac fracasaron estrepitosamente.

O 'hiperpresidente'
Que Nicolas Sarkozy está chamado a romper os moldes da política francesa -para ben e para mal- é unha evidencia. Vaidoso e hiperactivo -o que xa lle custou algún desgusto-, nas catro semanas que pasaron dende a toma de posesión ocupouse de deixar ben claro que nada escapa ó seu control. Por moita pluralidade que poida haber, o gabinete terá a autonomía que el desexe. “A apertura son eu”, parece dicir.

O 'Hiperpresidente', como xa o denominan os medios franceses, aparecía o pasado martes por sorpresa na cadea televisiva TF1. Alí presentou as reformas que pensa acometer nos próximos meses, especialmente a lei de servizos mínimos ou o conflitivo tema do IVA social, ou a proposta de mini-tratado que defende estes días no cumio da UE. Quedou clara a súa 'omnipresencia' , cun discurso tinzado de “eu”, “eu mesmo”, “a miña”.

Dende as súas filas, deféndese o “compromiso dun home activo e totalmente comprometido coas necesidades de Francia”. Para a oposición, non deixa de ser un síntoma máis de autoritarismo. O tempo e sobre todo os resultados, serán os xuíces.

22/06/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Sarkozy, trala súa victoria nas presidenciais
Sarkozy, trala súa victoria nas presidenciais

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso