Ana García (Santiago).
O presidente da Xunta pronunciouse hoxe sobre a situación da mina de Serrabal para pedir que “comecen xa” as obras do Tren de Alta Velocidade Galego que atravesan a explotación de cuarzo.
Emilio Pérez Touriño considera "pechada" a discusión cos sindicatos despois de contrastar onte o informe presentado por Adif e o que elaborou a empresa RAMSA para solicitar unha ampliación da explotación de cuarzo. O presidente asegura que a afectación será “mínima”, e non lle afectará á situación laboral dos traballadores.
Os sindicatos non están de acordo con estas valoracións. “Touriño non traballa na mina”, declarou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. “Senón non estaría tan seguro de que se manterán os postos de traballo”. CIG e UXT, os sindicatos con representación na mina reuniranse mañá co comité de empresa de Serrabal para decidir as medidas que tomarán para facer que a Xunta e Adif rectifiquen o trazado.
Dende as centrais sindicais piden que se clarifiquen os datos que dispoñen os políticos. Segundo o representante da CIG, os cálculos da Administración, que aseguran que só o 5% do terreo quedará afectado, baséanse no perímetro actual da mina. Seixo afirma que se tomamos os terreos concedidos a RAMSA que aínda non se escavaron, esta porcentaxe elevaríase ata preto do 50%.
Cuestión de pureza
“Todos están de acordo en que van quedar 150 millóns de toneladas na terra que non se poderán explotar. Outra cousa é a importancia que lle dan uns e outros á cifra”, asegura o sindicalista, que ademais explica que non se tivo en conta nas conversas a calidade deste cuarzo que non se aproveitará. A veta que atravesará o AVE é a máis pura de toda a canteira, idónea para aplicacións tecnolóxicas como a industria informática ou os paneis solares.
Precisamente, a empresa de Villar Mir estudaba un proxecto que aproveitaría este cuarzo de gran calidade para fabricar placas solares, e que en palabras de Suso Seixo “é un proxecto que podería dar moitos postos de traballo e agora non se poderá levar a cabo”.
21/06/2007