Eliana Martíns/AGN (Santiago).
A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC) ponse por diante un gran proxecto: impulsar un satélite galego. Un proxecto chamado a reducir a fenda dixital existente e a introducir as PEMES galegas nas novas tecnoloxías.
Trátase dun satélite de baixa cota que busca "garantir o espectro de manexo das telecomunicacións" tal e como explicou o conselleiro delegado de Unión Fenosa, Honorato López-Isla. O noso satélite "non é unha utopía", ademais de que pode axudar a fixar poboación no rural e mellorar as comunicacións marítimas.
Cuestionado pola envergadura do proxecto, o propio López-Isla asegurou que "as ideas teñen que ser grandiosas" e destacou a necesidade de "ser máis xeneroso e máis rápidos en conseguir esas infraestruturas".
Así que o galesatélite atópase en fase de estudo, para que cando a Fundación comece a avaliar proxectos a partires de setembro haxa estudos que demostren a súa viabilidade.
Constitución
A FSC constituirase antes de agosto, encabezada por Manuel Jove, responsable da sociedade de investimento. Encargarase de avaliar proxectos que presenten empresas e emprendores relacionados con sectores estratéxicos da economía galega, como pode ser o satélite.
Trátase, como explicou hoxe o presidente Pérez Touriño, de que "os motores económicos actúen como catalizadores de iniciativas privadas". O fondo mínimo do que parte a FSC é de 100 millóns, contribuídos por empresas como Caixa Galicia, Caixanova ou o Banco Pastor, aínda que Jove non quixo desvelar o nome dos socios privados.
20/06/2007
Que se deixen de pantochadas, e os cartos que andan a tirar en estupideces varias ou a regalarllos a empresas como fenosa que pouco ten demostrado ser galega, que os invirtan en transportes máis baratos, en axudas ó pequeno productor, etc, etc. satelite galego?? para que?? para ver os toxais desde o espacio?