Marcos Ferro/AGN (Santiago).
O presidente en funcións da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, prestou declaración esta mañá no Tribunal Supremo para esclarecer unha acusación de malversación de fondos públicos e falsidade documental no exercicio das súas funcións como mandatario do organismo provincial lucense.
O político lugués non realizou declaracións a entrada nin a saída da Sala do Penal do Supremo, na que compareceu durante máis dunha hora e media en compaña do seu avogado.
Cacharro está imputado polo pagamento de sumas de diñeiro en concepto de "asistencia ó despacho" ós vicepresidentes da deputación durante un período comprendido entre o 2001 e o 2003, o que se considera ilegal. Ademais, segundo o fiscal que presentou a denuncia, Jesús María Izaguirre, estipulábanse días fixos de cobro, sen necesidade de presentar ningún xustificante de desplazamento.
O texto da acusación afirma que se recolleron "grande cantidade de elementos de convicción" que poñen de manifesto que Cacharro, "impartiu ordes e autorizou os pagos ilegais".
O presidente da deputación de Lugo pediu prestar declaración fronte o Tribunal por vontade propia. Afirma que as acusacións "non teñen fundamento", xa que cantidades que se abonaron nunca foron fixas, e teñen a súa razón de ser, posto que os beneficiarios viven en distintos lugares da provincia de Lugo.
18/06/2007