Eliana Martíns (Santiago).
“Eu adícome á cultura e á agricultura”. Miguel Anxo Seixas, escritor e gandeiro, ensina orgulloso a explotación leiteira familiar. Herdanza é o nome da urbanización de formigón onde viven as máis de 200 vacas que dende Mesía inxectan cada ano no mercado case tres millóns de litros de leite.
Vén de investir case medio millón de euros en catro muxidoras suecas, pero calcula que en dez anos estarán dando beneficios. “Aforrar custes é a clave para que isto sexa rendible”. Porque isto é unha empresa, e para xestionala está Marcial, enxeñeiro agrónomo, “o que bota as contas”.
Xa non prenden as vacas, nin usan o tallo e o balde para muxilas e o adibal xa non se leva. A tecnoloxía púxose ao servizo do agro, as vacas a comer soíñas, e as 'ordeñadoras' conviven cos ordenadores. Moito cambiou o perfil do produtor de leite dende a entrada na Unión Europea.
As explotacións familiares foron as que máis sufriron estes últimos vinte anos; das 85.000 granxas de principios dos 90, hoxe non chegan ás 16.000. En cambio a produción medrou no que vai de ano un 2,5%, polo que estamos ante un sector máis produtivo e moderno. Pero os sindicatos agrarios téñeno claro: a reconversión leiteira fíxose a costa dos propios gandeiros.
Proxecto claro
“Un proxecto e unha ordenación do territorio”. Segundo Seixas estas son as necesidades máis inmediatas do sector. Galicia con máis da metade das empresas do Estado, produce o 35% do leite. “Non somos competitivos, sen o sistema de cotas en Galicia non quedaría ningún leite”, di Marcial, xerente de Herdanza. As cotas garantiron un prezo mínimo cunha certa marxe de beneficio, un proteccionismo que deu o tempo preciso para redimensionar as explotacións e dotalas de infraestrutura.
O novo Plan Lácteo aprobado a finais de 2006 polo Ministerio de Agricultura non cobre as necesidades dos gandeiros galegos en canto a reparto de cota. Un lastre que padece como consecuencia do medo e a desinformación. Os gandeiros galegos, no canto de declarar o que estaban a producir, ocultárono, polo que a cota asignada dende Europa foi menor. Un erro do pasado que continúa a limitar as explotacións no presente.
Agora, coa territorialización da cota (o 80% da cota abandonada repartiuse dentro da mesma autonomía), “consolídanse as diferenzas entre produtores dependendo da comunidade na que se atope”, explica Lidia Senra, do Sindicato Labrego.
Ademais da incertidume xerada polo anuncio da UE do desmantelamento das cotas a partires do 2008. “Cunha cota a 27 céntimos o kilo non tes capacidade de amortecelo en menos de dous anos”, asegura Felix Porto, de Unións Agrarias. Dende Xóvenes Agricultores, a solución era o reparto gratuíto desa cota.
Competitividade
Para Marcial, eliminar as cotas para por “ser competitivo”. ¿Somos competitivos? Depende. Para este enxeñeiro agrónomo, quedan demasiadas explotacións familiares que os gandeiros “subvencionan” co seu propio salario, a costa da súa calidade de vida. Moitas non están preparadas para cometir nun mercado non intervido. Esa competitividade vai significar unha precarización.
“Ten que dar cañas para pescar e non dar peixes”, demanda á Administración, sen se explicar por qué despois de tanto tempo aínda non está consolidado o sector. “As cousas cando funcionan non se teñen que subvencionar, se estivesen acertando iríanas retirando”, di Seixas. O asesoramento aos gandeiros, a promoción do asociacionismo e de iniciativas, a ordenación do territorio, en definitiva, a Administración debería ter un proxecto claro para o medio rural.
Grupo lácteo
Dentro do pacto de goberno asinado polo bipartito figuraba a creación dun grupo lácteo galego. Dous anos despois, seguimos sen novas del. Marcial teme que sexa tarde demais.
Os tres sindicatos agrarios son mais optimistas e pensan que é factible, unha iniciativa á que están chamadas a liderar Feiraco e Leite Río, e na que terían que participar tanto Medio Rural como as caixas de aforro. Unha industria que transforme o leite aquí, en Galicia, e que comercialice produtos derivados con maior valor engadido. Unha marca que revalorice o leite galego como un diferencial de calidade.
“Eu traballo con vacas e síntome orgulloso como o que máis. E tamén tiven que facer unha carreira”, di Marcial. Esta é a filosofía que ten que rexer o medio rural: formación e visión empresarial. Porque, por desgraza, hoxe Marela, Pinta e Amapola xa non son competitivas.
19/06/2007
Moi ben,eli.Esta ben explicado e comentado.eu fario mellor.hehehe.
Comparto o que sostén o enxeñeiro agrónomo. Precísase dun proxecto e dunha ordenación. Cara onde camiñamos? Cara unha reconversión do sector? No discurso do MAPA parece agocharse un aviso, moi disimulado: menos explotacións, menos produtores e máis competitivos. Un produtor medio galego xera pouco máis de 133.000 litros, e esa mesma media no Estado é superior aos 210.000... Se a idea é lidiar no mercado cunha explotación danesa cun volume de produción igual á suma de todos os produtores galegos (2,1 millóns de litros), claro que hai que meterse a fondo a reestruturar o tecido produtivo.
A vía dunha industria galega potente que transforme o leite e xere produtos de maior valor engadido, os nosos propios ‘Actimel’, pode ser un xeito de tirar do carro, de axudar... Mais o dilema é saber que queremos. Deixar que o mercado faga a súa propia selección natural e, cando na campaña 2014 desaparezan as cotas leiteiras, que impere a lei da xungla (cada un a mirar polo seu cú)? Ou ver que, amais de leite, unha explotación cumpre outras funcións? Imos coidar nós, demasiado urbanitas xa, moitos, das hectáreas que quedan abandonadas... Xa esquecemos que descoido é sinónimo de abandono e, no caso do rural, de combustible en potencia, de lume?
Iso si, elixamos unha ou outra opción, deberíase ir aclarando. Agora temos cotas para uns anos, pero hai que ver as cousas con perspectiva.
O enfoque da reportaxe, o tratamento dun tema que se ve tan complexo é brillante. Enganchas desde a primeira frase e vas enlazando as frases de tal xeito que se fai incriblemente ameno. Noraboa, Eliana. Xa o sabes, pero escribes de película!
O enxenheiro agronomo ten razón, e que non agarde moito do goberno da xunta actual por moitas promesas que fixeran, posto que nos demostraron os que so vivimos a era fraga fraga que non hai eras, só continuismo e o mesmo caciqueo. Eu vivín o proceso de purga que sufríu o sector gandeiro galego, eu ceibaba as vacas ata que tiven 16 anos e de súpeto vin como habia que vendelas por moito amor que se lle tivese, o romanticismo non salvou o pequeno produtor e o final converteronse moitos en asalariados desposuídos da súa forza de produccion. eso foi o que conseguiron. o maior dano o sector lacteo galego xa esta feito e agora só quedan, como moitos querían: os aptos, os grandes. O proceso de industrializacion ou a revolución industrial galega esta no seu auxe agora como o estivo algún seculo atras en europa, e un dos seus indicadores é por exemplo o exodo as cidades e o abandono do rural. O abandono de seculos de formas de vida dun pobo, ¿o seu fin? xa foron polo leite, agora venhen polo vinho e senón ao tempo co que pasa por exemplo na ribeira sacra onde xa se estan a notar os efectos do liberalismo.
Un saúdo e noraboa elianinha polo artigo! (perdoade polo rollo...)