Datos de interés

  • Xoves 20.11.2008

Eleccións

Lexislativas francesas: a Dereita francesa bate co 'rompe ondas' vermello


Etiquetas: Bayrou, Sarkozy, Royal, eleccións, Francia

Juan Castro.

O partido do presidente francés, Nicolas Sarkozy, refrendou a súa hexemonía cunha vitoria nas lexislativas menos sobrada do que prognosticaban as sondaxes. Se ben é certo que consegue a maioría absoluta con 314 deputados da Asemblea Nacional, estes quedan lonxe dos 359 conseguidos no 2002 e non teñen nada que ver cos 420 que prevían as enquisas despois da primeira volta.  Ós 314 deputados da UMP hai que engadir os 31 escanos de varios partidos aliados.

Dende logo, a vitoria asegúralle a Sarkozy o respaldo suficiente para desenvolver o seu programa de reformas, pero non cumpriu as expectativas, ata o punto que un dos ‘homes fortes’ do gabinete, o ministro de Ecoloxía e Desenvolvemento Sostible -e ex primeiro ministro con Jacques Chirac- Alain Juppé presentou a súa renuncia a seguir no goberno. Juppé, que se presentaba na circunscrición de Burdeos, perdeu ante a candidata socialista por uns 600 votos.

A incapacidade para rendibilizar a carteira ministerial pode poñer fin á carreira deste político borgoñés, eterno delfín de Jacques Chirac e considerado un dos baluartes da Dereita francesa, pero que sempre fallou ante o asalto definitivo ás ‘altas esferas’ do poder.

'Rompe ondas' vermello
A Esquerda foi quen de aguantar o ‘tsunami azul’ que se lle viña enriba despois da clara vitoria  de Sarkozy nas presidenciais. O Partido Socialista, que agardaba unha debacle nesta segunda volta, mantén apoio nas circunscricións que xa controlaba e progresa nalgúns feudos tradicionais da Dereita. 185 escanos, os que hai que sumar 21 dos seus aliados. En total, 206 deputados que lle serven a Segoléne Royal para formar un digno grupo opositor e revitalizar ó Partido Socialista. Á marxe do PS, os comunistas franceses conseguiron 18 escanos e os verdes 4.

Neste repunte inesperado da Dereita, especialmente dos socialistas, hai que valorar o papel de árbitro que xogou o centro e o novo partido herdeiro da UDF, o 'MoDem' de Bayrou. En moitas circunscricións onde os socialistas partían en desvantaxe despois da 1ª volta, víronse favorecidos polo transvase de votantes do MoDem. Isto indica un cambio de tendencia, pois os electores do partido antecesor dos centristas, a UDF, adoitaba favorecer á Dereita. Unha sondaxe de CSA-Cisco realizado poucas horas despois do escrutinio indicaba que o 55% dos electores do MoDem na primeira volta se inclinaron polos socialistas na segunda, por só un 28% que tería apoiado ó partido de Sarkozy.

MoDem: un inicio prometedor

Á marxe dese papel arbitral, o partido creado por François Bayrou despois das eleccións presidenciais, o ‘Mouvement Démocrate’ (MoDem), inicia a súa andadura con tres deputados no parlamento. Un resultado prometedor se temos en conta que varias personalidades da UDF –partido antecesor do MoDem- amosaron a súa disconformidade coa postura de Bayrou, partidario de desmarcarse da Dereita oficial, do que foi sempre un aliado tradicional.

A intención de Bayrou é converterse nunha forza chave que rompa o tradicional bipartidismo francés. Os seus tres deputados poden parecer escaso balance, pero hai que sumarlle o papel de árbitro que o MoDem xogou nesta segunda volta.


Ruptura Ségolène-Hollande (+ info)

Ábrese unha nova vía de colaboración entre Esquerda e Centro, algo impensable hai poucos anos. Iso pode facilitarlle o camiño a Segolène Royal, partidaria desta alianza en contra do criterio da maioría dos “elefantes do partido”, herdeiros directos da etapa de François Mitterand.

Se hai reforma, terá que ser xa sen o apoio persoal de François Hollande, secretario xeral do PS dende hai case unha década e parella sentimental de Royal… ata hoxe, día no que se fixo pública unha ruptura que vai máis alá das discrepancias políticas manifestadas nas últimas semanas.

 


Extrema dereita sen representación

Unha das particularidades do sistema electoral francés evidenciouse hoxe coa ausencia na Asemblea Nacional dos partidos da extrema dereita, especialmente o Front National de Jean Marie Le Pen. O sistema de dúas voltas propicia que só o candidato que consiga máis do 50% dos votos en cada circunscrición consiga representación, algo reservado salvo excepcións, ós grandes partidos ou ós seus aliados.

Malia todo, este sistema non proporcional suscita críticas dende hai varias lexislaturas. As máis airadas, por suposto, a dos partidos que non adoitan alcanzar representación. Le Pen preguntaba trala última campaña como era posible que un partido que alcanza facilmente o 10 ou 12% dos votos  nas presidenciais non consiga presencia na Asemblea Nacional.

 

18/06/2007

5'0 (1 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso