Datos de interés

  • Xoves 20.11.2008

Crise en Oriente Próximo

Abbas ilegaliza Hamas e presenta o novo Goberno palestino


Etiquetas: conflitos, Israel, Palestina, Hamas

L-V/Xeración.

O novo goberno de emerxencia palestino tomou hoxe posesión dos seus cargos en Ramala (Cisxordania), logo de que o presidente na Autoridade Nacional Palestina, Mahmoud Abbas destituíse o executivo anterior. O goberno está encabezado polo independente Salam Fayad e composto por outros 10 ministros independentes. Hamas queda fóra do executivo, que controlaba dende as pasadas eleccións. Ademais, Mahmoud Abbas tomou a decisión de ilegalizar Hamas e todas as súas milicias.

O goberno palestino informou de que, a partir de agora, todos os membros de Hamas poderían ser procesados ante un tribunal, ao considerar ao movemento islamista responsable do "golpe militar contra a lexitimidade palestina e as súas institucións". Ademais, o novo primeiro ministro, Salam Fayad, xa anunciou a conxelación das contas bancarias do anterior executivo encabezado polo líder de Hamas, Ismail Haniye.

Pola súa parte un portavoz de Hamás, Ismail Radwan, declarou que consideran "ilexítimo e ilegal" ao novo Goberno de urxencia . "Non o recoñeceremos. Non traballaremos con el", manifestou Radwan.

O equipo de goberno de Fayad, economista con boas relacións con Occidente, asumiu o poder sen o apoio do Parlamento, controlado por Hamas. Isto foi posible trala firma dun decreto especial por parte de Abbas. O presidente da Autoridade Nacional Palestina disolvera o Goberno o pasado xoves, despois de que homes armados de Hamas tomasen o control sobre a franxa de Gaza. O portavoz do presidente asegurou que non dialogarán con "os asasinos que levaron a cabo execucións in situ en Gaza". O diálogo só é posible, concretou, se o movemento se retira das posicións de seguridade de Al Fatah en Gaza e disolve a súa Forza Executiva.

O primeiro ministro israelí, Eduh Olmert, xa fixo público o seu apoio ao novo goberno de emerxencia. "Un Goberno que non sexa de Hamás é un interlocutor para a paz", indicou Olmert á prensa, antes de iniciar a súa viaxe cara a Estados Unidos, onde se reunirá co presidente George W. Bush. "Nos últimos días creouse unha realidade que non coñecemos durante os longos esforzos diplomáticos da Autoridade Palestina, e temos a intención de traballar con todas as nosas forzas para aproveitar a oportunidade que se presenta", explicou Olmert.

17/06/2007

5'0 (1 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso