Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Pactos nas 7 cidades

Investiduras garantidas, pero con moitos detalles por concretar


Etiquetas: BNG, PSdeG, 27-M, eleccións

Ana García. AGN (Santiago).

Os concellos galegos acollen hoxe os actos de constitución das corporacións municipais marcados por dúas semanas de longas conversas. Moitos deles estiveron apurando as negociacións ata o último momento para chegar ó pleno con acordos pechados, pero ata onte só Ferrol e Ourense asinaran pactos con todos os puntos concretados. Nas outras cidades o 'acordo marco' firmado en Santiago garante a investidura dos alcaldes e os detalles concretaranse ó longo da vindeira semana.

Acordos en Ferrol e Ourense
O candidato socialista á alcaldía de Ferrol, Vicente Irisarri e a súa homóloga de IU-EU, Yolanda Díaz, subscribiron onte o acordo de goberno entre ambas formacións polo que o goberno municipal estruturarase en seis áreas de goberno, das que catro estarán coordinadas polos socialistas e dous polos representantes de IU.

O acordo establece tamén que a Xunta Local estará integrada polo alcalde e oito concelleiros, cinco do PSOE e tres de IU. Por último, o pacto fixa como compromiso de goberno a resolución de tres temas cualificados como "urxentes", a paralización das obras das praza de España, o plan de sectorialización de Menáncaro e o cambio de ubicación da piscina proposta polo goberno PP-IF para a Praza de España.

Pola súa parte, o concello de Ourense será presidido por primeira vez na historia por un goberno de coalición entre PSOE e BNG. Socialistas e nacionalistas rubricaron onte este acordo e o próximo alcalde, o socialista Francisco Rodríguez e o tenente de alcalde, o nacionalista Alexandre Sánchez Vidal, amosaron a súa "satisfacción" polo acordo alcanzado tras intensas negociacións. A comisión negociadora decidiu finalmente estruturar o Concello de Ourense en trece áreas, sete xestionadas polo PSOE e seis polo BNG. Ambos líderes insistiron nun compromiso para responder ós problemas dos cidadáns e "tender a man" á oposición, o PP, para sacar adiante os proxectos de futuro da cidade das Burgas.

Tamén houbo acordo para pechar a coalición na Coruña e Santiago, pero os representantes dos dous grupos evitaron falar de máis datos. Os detalles concretos daranse a coñecer ó longo do día de hoxe.

As negociacións continuarán en Pontevedra e Lugo
Os seis concelleiros do PSOE en Pontevedra votarán a favor da investidura do nacionalista Miguel Fernández Lores como alcalde da capital da provincia, pese a que tras oito reunións entre ambos partidos, non se logrou chegar a un pacto de goberno estable para os próximos catro anos. Pese a que hai aproximacións, segue habendo diferenzas de criterio importantes á hora de establecer o reparto das áreas de xestión municipal. Aínda que non se fixou data para unha nova reunión, as negociacións continuarán despois da investidura de hoxe.

As novas impresións que transmitían os portavoces do PSdeG-PSOE e do BNG con respecto á posibilidade de formalizar un acordo que permitise a constitución dun goberno compartido en Lugo quedaron onte en nada, despois da segunda reunión que mantiveron as dúas formacións para abordar o reparto de competencias nun hipotético bipartito. O posible pacto terá que agardar polo menos ata o luns, aínda que en virtude do convenio marco firmado en Santiago, o candidato socialista, José López Orozco, será alcalde "por activa ou por pasiva" tal e como afirmou o secretario comarcal dos nacionalistas, Xesús Méndez.

Dificultades en Vigo
Onte foi un día complicado no concello de Vigo, no que o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, esixíu ó candidato polo PSdeG, Abel Caballero, que "se non quere gobernar" nun goberno de coalición "o diga claramente" e ameazou cunha ruptura no proceso negociador. Olveira aclarou que "dándonos o 6'5% do peso orzamentario do concello nin hai dous referentes nin hai dúas forzas políticas", concluíndo que con este reparto "hai un goberno do PSOE".

Mentres, o candidato socialista á alcaldía de Vigo, Abel Caballero, amosou a súa "sorpresa" ante estas declaracións e cualificou a reunión mantida o xoves como "fantástica". Finalmente, e xa de madrugada, ambos grupos chegaron a "un principio de acordo" polo que Caballero será o rexidor e Olveira terá a tenencia de alcalde. O PSOE traballará en oito áreas e o BNG en cinco pero, tamén aquí, seguirá habendo contactos para a semana.

16/06/2007

2'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

A cidade de Ourense terá por primeira vez un goberno de coalición (Foto: Ramsés/AGN)
A cidade de Ourense terá por primeira vez un goberno de coalición (Foto: Ramsés/AGN)
Santi Domínguez, ameazou coa ruptura das negociacións co PSdeG de Vigo (Foto: Sonia Daponte/AGN)
Santi Domínguez, ameazou coa ruptura das negociacións co PSdeG de Vigo (Foto: Sonia Daponte/AGN)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso