Ana García (Santiago).
"É necesario someter o proxecto urbanístico para Menáncaro ó trámite de avaliación de impacto ambiental". Así o afirmou a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación, da Consellería de Medio Ambiente en referencia a intención do concello de Ferrol de realizar unha serie de adosados preto da fraga desta localidade.
A Dirección Xeral realizou esta declaración nun escrito enviado á Comunidade Menáncaro, que leva dende o 2005 denunciando as actuacións negativas realizadas nesta zona. Na carta engádese ademais que de non ser así "o concello estaría a cometer unha infracción moi grave".
A mesma Dirección Xeral, fai referencia ó informe desfavorable ó Plano de Sectorialización, emitido o 16 de outubro do pasado ano, e ó que o concello ten que respostar antes de levar a cabo calquera actuación.
Actuación polémica
O Plano de Sectorialización foi aprobado polo pleno de Ferrol o pasado 20 de abril e que ten como obxectivo a construción de 69 adosados e un hotel. A promoción ocupará unha superficie de 50.000 metros cadrados e xa naquel momento, a conselleria de Política Territorial, María José Caride, afirmou que o plan "non cumple a Lei".
Pola súa parte, o concello acolléuse á figura do silenzo administrativo para aprobar ó proxecto, xa que os informes desfavorables foron emitidos despois do prazo legalmente estipulado.
15/06/2007