Datos de interés

  • Luns 08.09.2008

A Fiestra


Etiquetas: Igesip

Este artigo pon comezo á colaboración semanal entre Xeración Web e o Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (IGESIP). Esta organización non-gobernamental galega, naceu coa finalidade de emprender investigacións interdisciplinares no terreo da seguranza e relacións internacionais, paz e resolución de conflitos, así como accións de cooperación e educación para o desenvolvemento naqueles territorios máis afectados polos conflitos armados.

IGESIP.

A xeopolítica e xeoestratexia global víronse sacudidas cando ao final da década dos anos oitenta do século pasado, e cando os fastos polo corenta aniversario da creación da República Democrática Alemana non o facían en modo algún predicíbel, o muro de Berlín fica esmorecido, levando finalmente á desarticulación do que fora o mítico inimigo do Occidente democrático e capitalista.

O mundo bipolar fenecera, erixíase así o que o pai do actual mandatario estadounidense denominaría a new world order, cunha única superpotencia mundial destinada a cumprir o que os oráculos entreviran nas súas matinacións místicas, o fin da historia, a consecución do ansiado mundo feliz.

Case vinte anos despois de aquel estalido de xúbilo, daquela fe nun futuro que se presentaba aos ollos do orbe como brillante e esperanzador, que traería a paz e a prosperidade a unha nacente aldea global, ata o de entón atenazada pelo terror dunha terceira guerra mundial de carácter aniquilador, a realidade e a prospección de futuro non poden ser máis escuras e desesperantes. Sendo de significar o feito de que a queda do muro que dividiu á Alemaña, e por ende á Europa, traería consigo a elevación de outros novos, que sempre se albiscaran, mas que agora se facían máis visíbeis ca nunca.

A guerra fría deu paso á guerra de cuarta xeración, a unha nova configuración do conflito armado que, abandonando as formas e normas clásicas do que Clausewitz entendía como unha outra maneira de praxe política, conduciunos a esta realidade que vivimos, complexa por exceso de actores e escenarios, rompendo un xogo de xadrez, no que ata fai só vinte anos, só había, a grandes trazos, dous contrincantes. A nova conflagración converteuse así en hiperreal, caracteriza por unha sucesión mediática de fitos marcados por letras e números, con aparentes conexións que se configuran como historia do presente.

É esta complexidade a que, coa colaboración do Instituto Galego de Estudos de Seguranza e da Paz, se pretende analizar nas colaboracións do espazo A Fiestra. Se ha anos a análise de temáticas relacionadas coa seguranza e a defensa tiñan unha única compoñente de carácter simplemente político, hoxe necesítase de unha abordaxe ben máis ampla, de carácter multifactorial e multidisciplinar, dado que, por unha banda, son múltiples as variables que concorren na actual situación das problemáticas ligadas á defensa e seguranza internacional, e por outra, e debido ao anterior, isto obriga a unha sinerxía analítica provinte das máis variadas disciplinas, sen esquecer a perentoriedade dun tratamento holístico que nos permita obter unha composición de lugar completa e non só parcial.

Por tanto, serán tres os eixes que articularán cada semana estas intervencións, un primeiro dedicado a desbravar as actuais políticas de defensa e seguranza internacional, de modo que estas se viren acesíbeis en toda a súa integridade, e non só, xa que a prospectiva sobre as mesmas darán unha visión máis ou menos clara do que se pode agardar da súa posta en escena. O segundo eixe tratará de botar luz sobre o amplo mosaico de conflitos esquecidos, pescudando na cromática variedade das súas motivacións, así como na súa situación na altura. E por último, unha das temáticas máis candentes na actualidade, a participación da muller no conflito armado, ben sexa no clásico rol de víctima, como elemento combatente, ou como parte das actuais ententes civís-militares que, baixo o auspicio das Nacións Unidas, visan unha solución final aos numerosos e devastadores enfrontamentos armados que inzan o noso mundo.

Óscar Argibay é secretario do IGESIP

15/06/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos


Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso