Datos de interés

  • Domingo 12.10.2008

Cidades

A débeda das cidades galegas supera o 40% dos seus orzamentos anuais


Etiquetas: cidades

Ana Conde. Nova+ (Santiago).

O endebedamento é unha práctica cada vez máis habitual nos gobernos locais, se ben ás veces os pagos atrasados dispáranse e ameazan a saúde financeira das corporacións. A débeda acumulada das sete principais cidades galegas ascende a 330 millóns de euros, o que equivale o 40% dos seus orzamentos para 2007. 

Os dous concellos máis hipotecados son A Coruña e Vigo, as urbes máis grandes e cos maiores fondos do país. Pero se abultadas son as súas contas, tamén o é a débeda vida que as sostén.

Así, A Coruña lidera este 'ranking' con débedas por valor de 75'8 millóns de euros, cando o seu orzamento, 192 millóns, é o segundo máis elevado de Galicia. Vigo, con 66'5 millóns hipotecados é o concello máis rico cun orzamento prorrogado dende 2003 de 212 millóns de euros.

Malia todo, chaman a atención os casos de Ourense e Ferrol. Se atendemos ós datos relativos, as súas débedas ascendían a finais do ano pasado a 52 e 46 millóns respectivamente, é dicir o 63% e o 50% dos seus orzamentos para o 2007. 

Inversións estrela e amortización a longo prazos
As hipotecas que as cidades solicitan cada ano adoitan destinarse a inversións, especialmente ó capítulo de infraestruturas. Obras que absorben grandes partidas son o saneamento ou a realización de xardíns e prazas.

Malia isto, os responsables de economía dos concellos destacan que sempre hai períodos concretos nos que os concellos adquiren importantes débedas, normalmente adicadas a inversións estrelas. No caso de Lugo, por exemplo, o Concello solicitou un crédito de seis millóns de euros para a construción do Museo Interactivo da Historia da cidade. 

En conxunto, as cidades galegas teñen previsto investir máis do 6% das súas contas en reducir o endebedamento, un total de 57 millóns de euros. Con todo, os responsables de Economía e Facenda de cada una delas nega que a situación sexa preocupante, dado que a lei permite un coeficiente de débeda ata do 110%.

Por exemplo, o responsable en funcións da Facenda de Santiago, Carlos Nieves, indica que a débeda -32 millóns a finais de 2006- é asumible. “O concello ten unha credibilidade financeira moi importante, dando resposta ós provedores en tres ou catro meses”. O mesmo discurso que repiten un por un os encargados de xestionar os fondos municipais.

Plans de saneamento

A pesar diso, en máis dunha ocasión a situación tórnase complicada e non queda outra alternativa que apertar o cinto. Disto sabe moito José Manuel Rey, concelleiro en funcións de economía de Ferrol, cidade que reduciu case á metade a súa débeda en catro anos. O plan de saneamento, supervisado pola Xunta, conseguiu baixar os 40 millóns do 2003 ata os 24'5 actuais. Segundo Rey, a situación chegou a ser insostible, ata o punto de que no ano 2005, a débeda superou ó orzamento anual.

Tamén o Concello de Vigo levou a cabo un ambicioso plan de saneamento que rebaixou a débeda viva case á metade, pasando de 108 millóns a 66 en catro anos. 

Para o catedrático de Economía aplicada da USC Luis Caramés, o saneamento logrado en Ferrol e en Vigo é “espectacular” pero sinala que son a excepción pois “ós políticos non lles gustan moito estas cuestións”. Caramés sinala que se os concellos non conseguen vender ben o plan de saneamento, “os cidadáns poden pensar que non se fixo nada”. Quen sabe se isto ten algo que ver con que o PP perdese as alcaldías de Ferrol e Vigo...

14/06/2007

4'8 (9 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

As sete cidades galegas deben en conxunto 330 millóns de euros
As sete cidades galegas deben en conxunto 330 millóns de euros

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso