Benedicto García.
Habelas, hainas, e algunhas de moi mal talante, como as que se deberon confabular estes días para facer aparece-la miña sinatura, mira ti, ó pé dun libelo intolerable co título de “Historia dunha estafa”. O tal escrito pon en solfa, dun xeito cruel e disparatado, o traballo, a obra inmensa, de Isaac Díaz Pardo, de quen sempre me considerei admirador crítico.
E coma xa o dixen noutras ocasións, terei que insistir en que é un luxo para este país ter un empresario que é quen de combinar, dun xeito maxistral, arte con técnica, creatividade con ciencia e converter unha humilde pedra de caolín en obra artística e utilitaria, cunhas marcas coñecidas e recoñecidas nos cinco continentes.
E todo isto desenvolvendo un concepto de empresa que navega polos mares da Utopía máis que polos dos intereses da acumulación capitalista. Dando vida, cunha forza centrífuga imparable, a múltiples e complementarias iniciativas de carácter cultural e artístico, sempre bañadas das máis absolutas galeguidade e universalidade. Tal parece unha Consellería de Cultura en pequeno.
Hai uns días tivemos ocasión de acudir ó Castro de Samoedo, en Sada, un grupo de amigos e accionistas (eu pertenzo ós dous grupos) á chamada de Isaac. Foi un reencontro informal e entrañable cunha ampla representación da Galicia máis activa.
Alí deixamos constancia e palpámo-lo grande apoio que Isaac e a súa obra teñen nuns momentos que non son os mellores precisamente. Pero alí, de fraude, nada de nada.
13/06/2007