Mónica Sequeiro. AGN (Santiago).
Trala firma dun acordo marco para garantir a gobernabilidade nos concellos, PSdeG e BNG aínda teñen unha cita pendente para falar sobre o pacto nas deputacións da Coruña e de Lugo, en especial esta última, que arrebataron ó PP nas eleccións municipais do 27 de maio.
No acordo asinado onte, os dous partidos expresan "a súa vontade de asegurar a gobernabilidade nas Deputacións" e comprométense a "iniciar as negociacións con este obxectivo". Só dúas liñas para pechar unha das cuestións máis polémicas entre os socios do Goberno da Xunta.
A previsión é que hoxe se reúna outra vez a comisión negociadora para abordar esta cuestión, se non se interpón a axenda da xornada de ningún dos dous partidos.
O modelo no que se traballa para a deputación da Coruña podería ser aprobado sen moitas discusións, porque contempla ó socialista Salvador Fernández Moreda como presidente, e ó nacionalista Xaime Bello como vicepresidente. No caso de Lugo, será difícil repetir este modelo, porque os PSdeG supera amplamente o número de escanos do Bloque; a proporción é de 11 a 3, en contraposición coa Coruña, onde socialistas e nacionalistas teñen 11 e 6 escanos, respectivamente.
Funcións das deputacións
A polémica non queda só no reparto de cargos, xa que o Bloque tentará profundizar en "que facer con elas", o que inclúe cómo coordinalas dende a Xunta, ou a forma de conseguir que progresivamente vaian cedendo competencias ós concellos e a outros entes de nova creación, como as áreas metropolitanas.
Este será un dos grandes obstáculos que terán que superar os delegados de ambas forzas, pois dende o BNG sempre se viron as deputacións como algo obsoleto, mentres que o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, resume as reticencias do seu partido a eliminalas argumentando que "soa moi forte", aínda que non negan a necesidade dunha transformación.
12/06/2007