Ana Conde. AGN (Santiago).
Galicia rexistrou o ano pasado 1995 interrupcións voluntarias do embarazo. Esta cifra fai referencia só ós abortos practicados na comunidade, á que o Ministerio terá que engadir ós realizados por galegas noutras comunidades, que en anos anteriores rondaron as 500 intervencións.
Malia que a Xunta tenta incentivar a súa práctica en hospitais públicos, a inmensa maioría lévanse a cabo en clínicas privadas. Así o confirma José Luis Doval, xefe de xinecoloxía do Hospital Cristal Piñor de Ourense e presidente da Sociedade Española de Contracepción que durante anos foi o único galego que realizou abortos na sanidade pública. “Dos 2.000, en hospitais do Sergas faríanse como moito 200”.
O reputado xinecólogo sostén que é a cifra real é maior do que din as estatísticas oficiais, xa que “é sabido por todos que hai clínicas privadas que non declaran todas as interrupcións que practican por temas fiscais. Se saíran á luz, duplicarían a cifra oficial”.
Dende a súa chegada á fronte do Departamento de Sanidade, a conselleira María José Rubio marcouse como reto garantir o acceso ó aborto en centros públicos, sempre que se acollan ós supostos contemplados pola lei: que o embarazo afecte á saúde da nai -física ou mentalmente- que sexa froito dunha violación ou que o feto sufra unha malformación.
Asistencia en todas as provincias
Doval confirma que a Administración sanitaria traballa para que esta prestación se realice en todos os hospitais públicos, ou que cando menos “cada provincia teña un centro de referencia que a ofreza”. A situación parece ter mellorado, ó comezar o Juan Canalejo de A Coruña a realizar a maioría das demandas de aborto que se producen nesta provincia, sumándose os centros de Ourense e Vigo. Quedaría por cubrir a área de Lugo “que en calquera momento pode comezar a realizalos”, posto que no Xeral-Calde xa hai xinecólogos dispostos a practicalos, segundo confirmou recentemente o seu xerente, Miguel Ángel Fernández.
Así as cousas, todo parece indicar a chegada de novos profesionais axuda a deixar atrás a etapa na que a maioría dos facultativos galegos alegaban obxección de conciencia para negarse a facer un acto clínico “que debería estar normalizado hai moito tempo”.
Os datos da Consellería de Sanidade revelan que cada día un promedio de cinco mulleres interrompen a xestación nun centro da comunidade, se ben a maioría delas seguen acudindo a clínicas privadas onde a intervención ten un custo que oscila entre os 400 e 600 euros.
Aumento en adolescentes
Os estudios sobre o aborto revelan un aumento nas intervencións practicadas a adolescentes, un fenómeno que tamén se aprecia en Galicia, pero inferior á media estatal, tal como sinala José Luis Doval. “En España aumenta un 8% mentres que aquí falamos dun 6%”.
No 2006, das case 2.000 interrupcións realizadas en centros galegos, o 16% foron a mozas menores de 20 anos. Un ano antes, 13 das 2.525 galegas que abortaran non chegaban ós 15 anos. Os xinecólogos confían en que a distribución gratuíta da pílula postcoital axude a estancar o crecemento dos abortos. O grupo de idade que rexistra máis casos é o que vai dos 20 ós 29 anos, tratándose case sempre de embarazos de menos de 9 semanas de xestación.
Terceira taxa máis baixa
Con todo, Galicia é a terceira comunidade española na que menos intervencións deste tipo se realizan, case a metade que en España. Aínda así, se estas cifras se comparan co de nacementos, concluímos que se produce un aborto por cada dez alumbramentos.
Javier Sanz, presidente do Foro Galego da Familia: “Para nós, cada aborto é unha traxedia”.
O Foro Galego da Familia, firme detractor do aborto, presentou en marzo unha iniciativa lexislativa popular que quere crear unha rede galega de apoio á muller embarazada co fin de evitalos. Nos próximos días iniciarán a recollida de firmas, coa expectativa de conseguir o respaldo de máis de 15.000 persoas.
O foro di defender “a cultura da vida fronte á cultura da morte”, ó considerar “unha barbaridade” os casos de interrupcións voluntarias do embarazo rexistradas na comunidade. “E Galicia non é máis que un reflexo, falamos de máis de cen mil abortos ó anos, o que equivale a destruír a poboación dunha cidade como Lugo”.
11/06/2007