AGN (Santiago).
A firma, o vindeiro luns, do "acordo marco" que subscribirán PSdeG e BNG abre as portas ás negociacións no ámbito local, aínda que en moitos casos xa existiran contactos entre ambas forzas para definir a conformación dos futuros gobernos. A idea do pacto marco de que existan dous referentes políticos diferentes na alcaldía e a tenencia alcaldía non parece unha misión difícil en boa parte das urbes.
Pontevedra é, actualmente, un dos lugares onde máis encontros se produciron entre Miguel Fernández Lores, alcalde nacionalista en funcións, que repetirá neste cargo aínda que co apoio da candidata socialista, Teresa Casal. O vindeiro luns está prevista a quinta reunión entre ambos, que non esperaron á resolución do "acordo marco" para avanzar na conformación do futuro goberno da cidade pontevedresa.
Ourense, que pasará a ter un alcalde socialista, tampouco presenta demasiadas dificultades. De feito, antes de ver a evolución das negociacións de PSdeG e BNG para establecer un pacto xeral, o candidato socialista, Francisco Rodríguez, e o nacionalista, Alexandre Sánchez Vidal, mantiveron un encontro no que se nomearon alcalde e tenente alcalde, respectivamente, aínda que teñen pendente ver o reparto de áreas de goberno na cidade das Burgas.
Caso similar é o de Vigo, pois Abel Caballero situarase na alcaldía co apoio de Santi Domínguez, que será tenente alcalde. Por outra banda, en Santiago están pendentes as negociacións.
Ferrol, caso excepcional
PSdeG e BNG non suman concelleiros suficientes para obter a maioría en Ferrol. Por iso, o socialista Vicente Irisarri pretende conformar unha coalición coa candidata por Esquerda Unida, Yolanda Díaz. E non parece que o pacto sexa difícil, dado que o futuro alcalde manifestou a súa intención de que o vindeiro martes, como moi tarde, o pacto estea pechado. Irisarri, no entanto, non descarta que o BNG incorpórese ao Goberno ferrolano.
'As pedras de muíño' de Orozco e Losada
Noutro punto atópanse as cidades da Coruña e Lugo. Aquí, os alcaldes en funcións, Xabier Losada e Xosé Clemente López Orozco, ambos socialistas, perderon nestes comicios as súas maiorías absolutas e son ben sabidas as súas reticencias á entrada do BNG nos seus gobernos. Un punto conflictivo é o da tenencia alcaldía, que segundo establece o acordo marco, deberían recaern en Henrique Tello en A Coruña e en Xosé Anxo Laxe en Lugo.
Todo apunta, no entanto, a que en ambas urbes produciranse as negociacións máis duras e para a que os grupos teñen certa liberdade de negociación. Falta ver, xa que logo, se finalmente se cumpre o "acordo marco" en todos os seus extremos, ou se nas negociacións locais estableceranse excepcións en ambos casos. De todos os xeitos, está previsto que nos próximos días se establezan as comisións negociadoras das dúas urbes.
Hai que considerar ademais que tanto en Lugo como en A Coruña, o apoio expreso do BNG a Orozco e Losada non é fundamental para que a alcaldía non vaia ás mans dun alcalde popular. Se antes do 16 de xuño, día da constitución dos concello, PSdeG e BNG non chegan a un acordo, abondaría con que os nacionalistas se abstivesen para que gobernasen os candidatos socialistas, representantes da forza máis votada. Isto deixa a porta aberta a que continúen as negociacións máis alá dese día.
70 concellos, 70 negociacións
Máis aló das cidades, están pendentes os pactos en máis de 70 concellos nos que PSdeG e BNG poden alcanzar o goberno se forman unha coalición. Resolto o "acordo marco nacional", todos apurarán nos próximos días as negociacións para repartir as áreas de goberno, ademais dos postos de alcalde e tenente alcalde, de forma que a lista máis votada asumirá o primeiro e, a outra, o segundo.
En todo caso, os pactos deben estar resoltos antes dunha semana, pois o vindeiro sábado, 16 de xuño, configuraranse as novas corporacións municipais
10/06/2007