Laura Grandal. AGN/Marcos Ferro (Santiago).
A ponencia que tratará de regular o voto emigrante púxose hoxe en marcha. Representantes dos tres grupos parlamentarios reuníronse esta mañá para constituír a mesa de traballo, e valoraron os obxectivos desta ponencia.
O voceiro do PSdeG, Xaquín Leiceaga, fechou rapidamente a súa intervención indicando que o calendario de traballo "queda para o vindeiro venres". Os socialistas falan de regular as condicións nas que se exerce ó voto, nomeadamente de "establecer a votación en urna onde sexa posible", e outras circunstancias que "afectan á formación da vontade e omisión destes votos".
Dende o PPdeG, Aurelio Miras Portugal recoñeceu que "temos un marco limitado", pero afirmou que debe ser "un traballo moi ben feito" xa que "teremos que convencer a Madrid".
E é que o que decidan os tres partidos galegos non só ten importancia deste lado do Padornelo. Trátase de "modificar unha lei orgánica" polo que "serán os dous grandes partidos, coa colaboración do BNG, pero fundamentalmente os dous primeiros, os que terán que pórlle realmente o rabo á cereixa".
"Racionalidade no voto"
O deputado do BNG Iago Tabarés sinalou como principal obxectivo da súa formación "introducir racionalidade no voto da Galiza exterior", para conseguir no 2008 "un voto con garantías".
O BNG tamén quere evitar "que algúns concellos se decidan fóra", e que existan cidadáns con menos dereitos ca outros, polo que avogan porque os galegos emigrados a outras comunidades teñan o mesmo dereito a voto que os que se atopan fóra de España.
Os nacionalistas son os que máis presa teñen para levar esta reforma a cabo. Segundo o portavoz parlamentario Carlos Aymerich, esta é a ocasión para regularizar o voto, porque se non se fai, a próxima demanda social "será eliminar o voto emigrante". Por iso propón remitir as propostas ás que cheguen ás Cortes antes de setembro, para que poidan ser aprobadas antes do fin da lexislatura.
04/06/2007