Juan Castro.
Histórico do nacionalismo vasco, Iñaki Anasagasti (Venezuela, 1947), vive a actualidade dende o Senado, cámara máis 'serena' que o Congreso onde foi portavoz do PNV durante 18 anos. Liberado desa presión, o seu blog, un exemplo de hiperactividade, convértese agora na fiestra para os seus duros exercicios de análise e crítica.
Nota: Esta entrevista realizouse tres días antes do anuncio da ruptura da tregua de ETA
Pregunta: Acostumados a que os políticos só se acheguen ós blogs en época de campaña, é estraño atopar a un que poña “peixe fresco” todos os días...
Resposta: Si, o de “peixe fresco” é unha frase que me gusta usar para falar da disciplina que un debe ter para manter un blog. Parécenme lamentables eses blogs e esas webs que pasan meses sen ser tocados. Por iso trato de meter sempre algo novo, ás veces máis interesante, ás veces menos, pero sempre algo novo.
P: E de paso, xerar debate...
R: Si, debate e crónica. O cidadán necesita crónica de ambiente, que saiba o que ocorre no interior da vida política. E para iso hai que ser valente á hora de opinar. Moitas veces iso crea controversia, porque hai críticas duras, e iso non é agradable para quen as recibe. Pero para dicir banalidades xa hai demasiados espazos.
P: ¿E a blogosfera é un espazo para escapar da crispación?
R: Iso da crispación está moi sobredimensionado. A crispación é un globo que se infla en función dos intereses. Por exemplo, o caso de Navarra. Ó Partido Popular convenlle converter a Navarra nun pequeno monstro e repetirlle ó PSOE “non podes pactar en Navarra porque iso é romper España”, ata que non se atrevan a facelo. O outro día nun debate en televisión díxenlles: “Oíde, que ninguén vos pide que pactedes con ETA ou con HB. Falamos de Nafarroa Bai, formado por tres forzas políticas distintas, que son partidos democráticos legais e amparados pola Constitución”. Pero se pasas meses dicindo que pactar en Navarra significa romper España, pois hai xente que acaba por tomalo en serio.
P: ¿E que cre que vai ocorrer finalmente en Navarra?
R: Se conseguimos formar goberno en Navarra, quitarémoslle a ETA unha gran bandeira. Porque eles non poden falar por Navarra cando son unha minoría ínfima, cando no pasado conseguiron ata 12 parlamentarios.
P: ¿Pero o PSOE acabará pactando con Nafarroa?
R: O PSOE non se pode enrrugar, temos que normalizar a situación para poder facer unha boa xestión municipal e autonómica. Pero aquí hai xente que cre que en canto PSOE e Nafarroa pacten, imos tirar os mobles polos balcóns do Concello...
P: Aínda hai pouco que a palabra “Nacionalismo”, especialmente referido ó País Vasco, estaba moi demonizada...
R: Si, a última lexislatura de Aznar foi difícil, moi difícil. Todo está máis calmado nese sentido despois das eleccións de hai tres anos. Pero aquí hai comunidades que seguen sen decatarse de que se teñen autonomías de primeira división é grazas a Galicia, a Euskadi ou Cataluña. Dígalle agora a Esperanza Aguirre que Madrid non é unha comunidade. Todos están encantadísimos, e iso non é grazas a eles, senón a que outros vimos facendo unhas determinadas reividicacións dende a Transición.
P: Pero aínda queda algo de que “o nacionalismo é unha enfermidade que se cura viaxando”?
R: Esa frase pode ter a súa gracia, pero por suposto non se axusta á realidade. Temos que partir da base de que todos somos nacionalistas, incluso Zapatero ou Rajoy. Eu non me creo iso de ser “fillo do mundo” e de que a un non lle importe o seu pequeno 'terruño' ou a súa pequena patria. Ante o fenómeno da Globalización, o que xorde é o sentimento e a emoción polo máis achegado. Por outro lado, os nacionalistas somos xente moi viaxeira, moitas veces obrigados polas circunstancias políticas ou económicas, e en contra da nosa vontade.
E outra mostra de que a frase non ten arraigo na verdade: alguén como Jon Juaristi, que viaxou moito, resulta ser un gran patán e un gran nacionalista español.
P: Volvendo ás eleccións do día 27. A nivel estatal, podemos sacar en limpo que o PP gaña en votos, o PSOE gaña poder local... e a abstención aumenta...
R: A Democracia é un estado de opinión, e a opinión pública hai que alimentala ben. Cando a cidadanía ten interese e se xoga moito nunhas eleccións, a participación aumenta, sempre foi así. Pero aquí temos á xente pendente dos paseos de De Juana ou de ANV. A min repúgname profundamente o señor De Juana, pero á sociedade hai que dicirlle claramente que este home xa cumpriu a súa pena por asasinato.
De todas formas, penso que o ano que vén haberá unha participación alta. Levamos demasiado tempo en campaña, e os ánimos están moi caldeados. Non deberiamos temer pola abstención.
P: ¿E non cre que este ambiente de continua campaña é nocivo para a vida política?
R: Non só para a vida política, senón para a sociedade en xeral. Estas eleccións foron unha fraude. ¿Onde estivo a nova? Pois en se Rajoy conseguía máis votos que Zapatero, en se De Juana paseaba polo hospital coa súa moza... Os grandes problemas nin se tocaron, e por iso digo que se fixo un uso fraudulento da información. Si, foron unha fraude.
P: E a varios meses para as Eleccións Xerais, ¿atrévese a facer unha predición?
R: Basicamente, o que reflicten as enquisas. Creo que PSOE e PP van empatar, con lixeira diferencia para calquera deles, pero van gobernar os socialistas. O PP leva demasiado tempo ocupándose de non deixar escenarios para os pactos.
P: Outro dos grandes temas da campaña: ANV. Parece que se lle fixo gratis a campaña e que souberon aproveitalo.
R: Pero é que é unha vergonza. Toda unha precampaña e unha campaña organizada polo PP e polos medios de comunicación, todos os días centrados neles. O vitimismo vende, e eles teñen unha enorme capacidade de mobilización, sacan xente ata por debaixo das pedras.
Se tivesen a publicidade na súa xusta medida, a que lles corresponden, non terían ese resultado, porque cada rolda de prensa é para dar simple opinión, e nunca proxectos ou ideas. E malia todo, abren telexornais. É unha vergonza.
P: Zapatero dicía día antes do atentado na T-4 que dentro dun ano estaremos mellor, pero 15 meses despois do anuncio de tregua por parte de ETA, parece que a situación é moi pesimista...
R: Si, porque ETA non quixo tomar a decisión final de deixar as armas, como fixo o IRA así que non hai nada que facer. Eles saben que teñen a guerra perdida. Non se vai a ningún lado co seu concepto militar da vida, de “vitorias ou derrotas”. Pero tampouco creo que esteamos peor que o ano pasado, e eu si creo que dentro dun ano estaremos mellor. Pero o obstáculo é ese, que asuman ter que deixar as armas.
P: ¿E que é necesario para isto?
R: Que se decaten de verdade de que eles non teñen a chave da situación. Non poden falar en nome do pobo vasco cun 8% de representación.
P: Pero en todo o chamado 'proceso', en algo fallariades tamén os partidos democráticos...
R: Fallaron demasiadas cousas. En primeiro lugar, monitorizouse. Cada día había unha rolda de prensa dando nova información, facendo público cada paso. Foi moi infantil, porque estes procesos necesitan moito silencio e sentido común. Levouse moi mal, especialmente polo lado de Zapatero.
Cada rolda de prensa tiña unha barbaridade como resposta, e nese mundo primario, iso só leva a poñer unha bomba na T-4 para dicir “aquí estamos, e se non facedes o que eu diga, seguirei coas bombas”.
P: Nos últimos días rumoréase que ETA podería romper formalmente a tregua...
R: De feito xa o fixeron co atentado na T-4, pero non sei se atreverán a ir nesa dirección. Sería un paso atrás moi grande, deixando á súa xente nunha posición difícil, practicamente imposible. Pero con este mundo, quen sabe...
04/06/2007