Datos de interés

  • Xoves 20.11.2008

Manifestación contra Reganosa

'Liberdade para Bastida, planta de gas fóra da Ría'


Etiquetas: mariscadores, Ferrol, Reganosa

Silvia Canabal (Santiago).

Unha multitudinaria manifestación percorreu hoxe Ferrol para pedir liberación do patrón maior da confraría de pescadores, Bernardo Bastida, e para reclamar a instalación da planta regasificadora de Reganosa fóra da Ría de Ferrol.

Na concentración, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia da Ría e a Confraría de Ferrol, participaron máis de 60 colectivos sociais de Ferrolterra. Ademais recibiu o apoio doutras organizacións e colectivos, como EU e BNG de Ferrol, CCOO, CIG e UGT, a Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra, ou Adega e Verdegaia, que mudaron a concentración que hoxe tiñan prevista en Santiago para acudir a Ferrol. Tamén estiveron presentes da manifestación persoeiros da cultura como o escritor Agustín Fernández Paz ou o editor Manuel Bragado; ou da política, como o ex-portavoz nacional do BNG Xosé Manuel Beiras.

Con berros de 'Liberdade para Bastida' ou 'Planta de gas fóra da Ría', os asistentes á concentración desprazáronse dende os peiraos ata a Praza de Armas de Ferrol, que quedou pequena para acoller a todos os asistentes (un milleiro segundo a policía e máis de 10.000 segundo os convocantes).

Antes da manifestación volveu instalarse unha mesa para asinar escritos de autoinculpación para solidarizarse con Bernardo Bastida, detido por causa da súa participación no bloqueo dos dous metaneiros 'Galicia Spirit' e 'Mourad Didouche'. Segundo o Comité asináronse unhas 600 autoinculpacións, que sumadas ás que xa había fan arredor dun milleiro de escritos. Tamén se puxeron á venda camisetas elaboradas pola confraría de pescadores de Ferrol cunha foto do patrón maior e a lenda 'Bastida somos todos. Planta de gas fóra da Ría'.

A lectura do manifesto que pechou a concentración correu a cargo de Montserrat Garel, no nome do Comité. No texto calificouse a planta de Reganosa de "bomba dentro da Ría" e volveuse esixir que se traslade ao porto exterior. Reclamaron unha resposta das institucións políticas, ao lembrar que "a Xunta o Goberno Central actuais herdaron o proxecto de Reganosa pero iso nin xustifica nin lexitima a súa plena aceptación. Moi ao contrario, teñen a obriga de facer respectar a legalidade e a vida". 

Diálogo
Durante os dous días pasados, unha delegación do colectivo de mariscadores e do Comité Cidadán de Emerxencia mantivo entrevistas cos distintos grupos políticos municipais da comarca de Ferrolterra. Nestas conversas, o colectivo pedía o apoio institucional en catro puntos que resumen as súas demandas:

  • Denunciar as perdas económicas que a entrada e saída de metaneiros lle causará a pescadores e mariscadores, que poderían perder 100 días de traballo ao ano, segundo o Comité.
  • Condenar as cargas policiais dos días 28 e 29 de maio, nas que houbo varios feridos.
  • Solicitar a liberación de Bernardo Bastida.
  • Pedir a instalación da planta gaseira fóra da Ría.

Como resultado das conversas, e segundo informou o Comité de Emerxencia, o pleno municipal de Mugardos votou a favor de apoiar os tres primeiros puntos de reivindicación. Pola súa banda, os alcaldes en funcións de Fene e Narón acordaron apoiar as catro demandas do colectivo.

No tocante ao concello de Ferrol, Esquerda Unida, Independentes por Ferrol e BNG, apoiaron os catro puntos que demandaba o colectivo, mentres que o alcalde en funcións do Partido Popular, Juan Juncal, apoiou os tres primeiros puntos do escrito. A excepción, o alcaldable do PSOE, Vicente Irisarri, que tras dúas horas de conversas coa delegación eludiu pronunciarse en ningún sentido.

A cidadanía contra Reganosa, tamén no blogomillo: Calidonia, Zerovacas, Brétemas, e no Youtube.

03/06/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Logotipo 'Nom pasaran', creación de Aduaneiros sem Fronteiras
Logotipo 'Nom pasaran', creación de Aduaneiros sem Fronteiras
Concentración pola liberación de Bastida e contra Reganosa na Praza de Armas de Ferrol (AGN)
Concentración pola liberación de Bastida e contra Reganosa na Praza de Armas de Ferrol (AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso