Ramudo. AGN/Eliana Martíns (Lugo).
Cando Francisco Cacharro fala nos últimos tempos, non deixa a ninguén indiferente: xa non ten por que calar, así que arremete contra quen sexa, hoxe tocoulle aos actuais dirixentes do PPdeG.
"¿Foi leal o comportamento do partido comigo?". Así respondía o presidente en funcións da Deputación Provincial de Lugo a unhas declaracións do deputado autonómico e ex alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, nas que o acusaba de "deslealdade" na pasada campaña electoral.
Cacharro afirmou que despois de "unha debacle todo o mundo intenta buscar culpables", porque "as derrotas nunca teñen pais". Recoñeceu que, malia que no seu partido xa houbo xente que o insinuou, era previsible que alguén saíse abertamente a "botarme a culpa" dos resultados electorais, porque "están habituados a culparme de todo o malo, porque se é bo ninguén se acorda".
O seu papel na campaña
Recordou que no seu partido dicían que "eu restáballes votos" e que por iso "non me deixaban participar na campaña electoral". Ante tal postura, asegurou Cacharro irónicamente, "o mellor que podía facer para favorecelo era manterme distante, neutral, para non impedirlles gañar".
Con todo, continuou o presidente, "agora resulta que eu fíxenlles perder, pero iso non vale", porque se dicían que "canto máis desligado estivese eu mellor resultado ían ter, pois xa o obtiveron, un éxito impresionante, polo que eu os felicito".
Cacharro preguntou aos dirixentes do PPdG "por que tiñan que poñerme nesa situación e por que tiñan que cambiar algo que ía ben e que daba resultados, do mesmo xeito que queren facelo agora en Ourense, o único lugar onde o partido conseguiu uns bos resultados" nas eleccións.
01/06/2007