Silvia Canabal/Marcos Ferro (Santiago).
A Federación Galega de Confrarías solicitou a liberación do patrón da confraría de Ferrol, Bernardo Bastida, que leva dende o mércores no cárcere de Teixeiro, cando se dictou contra el prisión sen fianza por participar nas accións que tentaron impedir a entrada do metaneiro 'Mourad Didouche' na Ría de Ferrol.
Para as confrarías, o ingreso do patrón maior é unha actuación "desproporcionada", e que responde a un intento de "descabezar o movemento de protesta". Ademais, aseguran que o tráfico de instalacións dentro da ría de Ferrol está creando "consecuencias gravísimas" para os mariscadores e pescadores de Mugardos, Barallobre e Ferrol, e piden unha solución negociada á situación.
Os membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol entrevistáronse pola súa parte co que será o próximo alcalde de Ferrol, o socialista Vicente Irisarri, na busca dun novo apoio político, despois de conseguir onte que as forzas políticas de Fene e Narón lles mostrasen o seu apoio nas súas reivindicacións contra Reganosa.
A conversa decepcionou membros do Comité, que afirmaron que o próximo rexedor da cidade "non se molla", ó non pronunciarse nin sobre a situación do conflito de Reganosa nin sobre o encarceramento de Bastida, do que só pediu "que se axilizasen os trámites" para que non teña que permanecer en prisión máis tempo do necesario.
Antonte xa se reuniran co alcalde en funcións de Ferrol, Juan Juncal, e co resto de grupos políticos da cidade departamental. O líder 'popular' mostroulle ós cidadáns o seu apoio, ó igual que Esquerda Unida de Ferrol.
Mobilizacións
60 colectivos sociais de Ferrolterra participarán na manifestación do domingo ao mediodía, que sairá dende o Porto de Ferrol e irá ata a Praza de Armas. Entidades como Adega ou Verdegaia xa expresaron o seu apoio á convocatoria, mudando a concentración que tiñan prevista para o domingo en Compostela e emprazándoa para martes, día mundial do Medio Ambiente.
Dende o Comité Cidadán, Teixeiro incidiu en que, a pesar de que as mobilizacións na rúa non se reanudarán mañá, mariscadores e plataforma cidadá están a "traballar intensamente" de cara a poñer as súas reivindicacións enriba da mesa de institucións e grupos políticos. O voceiro do Comité asegurou que non negociarán directamente con Reganosa, unha empresa que "está ameazando a vida da poboación", senón que buscarán contactos coas institucións "que son os que teñen que buscar solucións".
Á principal reivindicación do Comité Cidadán, o perigo que representa Reganosa para a poboación, respondía onte o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, durante unha rolda de prensa. Malia recoñecer que a ubicación "non é adecuada", Blanco lembrou varios estudos elaborados polas universidades de Santiago e Vigo, nos que se concluía que a pranta regasificadora non ten "impacto sobre a ría".
02/06/2007
Parabéns ao jornal, por fim alguém que fala as cousas com nome e apelido e nom sesgadas... semelha que há muito interesse em tapar o assunto como se fosse umha luita entre os mariscadores e o governo e isto vai além de isso todo. A confraria de mariscadores é umha das mais de 60 associaçons que rejeitam a planta de gas. Vejo que algúns estão interessados em deixar aos opositores à planta como revoltosos e delinquentes e isso nom é assim. Aguardo que tanto o futuro alcalde da cidade como toda a cidadania em geral sejam conscientes da importância e a gravidade dos feitos que estamos a viver e nom se tome esta protesta como algo duns poucos radicais. Na história recente de Ferrol temos exemplos suficientes de como actuam sempre as administraçons com a cidade utilizando a política de feitos consumados e a dilaçom no tempo dos conflitos até que o cidadão perde a força pra luitar. É preciso que todos afrontemos a crise no mesmo bando, no do respeito à vida, a seguridade e o futuro de todos. Obrigado por este artigo.
Gracias a ti Gustavo, polas túas aportacións.