Gustavo Harvey (Ferrol).
O Día das Letras Galegas mirando o documental Linguas Cruzadas na TVG tiven a oportunidade de escoitar a frase máis preclara dos case 40 minutos que durou o espazo. Estaba en boca dun rapaz coruñés que nunca falaba galego, o certo é que tampouco español. “Si el Marca viniera en gallego igual...” Igual o lía, supoño.
A sentencia non di moito e ao tempo o explica todo. A xente normal e corrente, é dicir a inmensa maioría da poboación galega utilizaría máis o galego de non terse convertido nunha especie de gueto das elites intelectuais. Desde o mundo da cultura téndese a misturar a loita pola lingua con a sacrosanta batalla contra a vulgaridade. Definitivamente a lingua ten que ficar por riba de calquera outra guerra se de verdade queremos avanzar positivamente na súa salvación.
A todos os que amamos a cultura tanto como a lingua acostumamos a misturar ambas no noso imaxinario, na nosa utopía dun país mellor. Penso que temos que ser máis fríos na nosa análise e recoñecer, aínda ao noso pesar, que o galego precisa de todos os falantes. Vamos pór un exemplo evidente: o fútbol. Durante toda esta tempada os partidos da Liga das Estrelas foron retransmitidos por unha canle xeral en español.
Quen máis quen menos botaba de menos as retransmisións da nosa tele. Padiola, pechacancelas, seareiros,... volveu o fútbol a falar en galego na TVG e todos os bares deixaron de sintonizar ao señor calvo do “tiqui taca”. Se o fútbol pode ser atraínte para os galego falantes tamén o pode ser calquera aspecto das nosas vidas.
A música na Galiza está a vivir unha auténtica explosión, non sei se de calidade pero si de cantidade e de eclecticismo. Mesmo moitos grupos que cantan en galego non teñen xa ese estigma reivindicativo do pasado. Poderiamos danzar nas discotecas en galego porén non o facemos. Analizando os motivos de tal desfeita só se me ocorre un evidente. A música galega non ten o seu sitio nas radio fórmulas estatais.
Solución? Crear a nosa propia emisora comercial de música. Supoño que sona utópico e seguramente o é mais dificilmente teremos unha oportunidade como esta para converter aos músicos galegos nos auténticos protagonistas da vida musical na Galiza. Precisamos que as persoas que dispoñen do capital para inverter no país aposten tamén por esta sinal de identidade que é o idioma. Se alguén se anima aínda que iso supoña converter a Bea de OT na Beyoncé galega que cante a dúo con Paulina Rubio o Xirarei de Xil Rios, conta con o meu apoio incondicional.
Outra das nosas bazas para a normalización lingüística e musical do país pasa pola Radio Galega Música. Ese fío musical que aos poucos vaise convertendo nunha especie de Radio 3 (RNE) ou de Rádio Antena 3 (RTP). O traballo por facer é moito pero será necesario para argallar unha autentica industria musical que teña os seus espazos de promoción propios e se poden ser privados mellor. Un “star system” de seu, iso é o que precisa o país aínda que moitos botedes pestes da xente que pensa coma min.
01/06/2007
Sen dúbida este é o camiño se queremos NORMALIZAR o galego e a cultura en galego... Noraboa pola iniciativa.
Pero como digo unha cousa... tamén digo a outra:
NON SE PODE IMPOÑER UNHA LINGUA POR DECRETO!
Se queremos que a cultura en galego vaia a máis... se queremos sacala do guetto... non podemos permitir IMPOSICIÓNS pola forza...
No mesmo documental Linguas Cruzadas un rapaz emitía un xuízo moi asisado: se o galego o converten nunha lingua administrativa, promovida polos mesmos Parlamentarios que nin a falan nin a defenderon nunca... moi posiblemente remate sendo unha lingua MORTA!
Eu seguirei pensando sempre que a Liberdade Lingüística é a mellor estratexia para avanzar: quen merca o Marca ou sintoniza unha canle musical faino porque lle peta...!
http://vigo.cidadans.net/Erasmo/23621
Está claro que o que di Erasmo é absolutamente certo, mais supoño que tamén estará de acordo en que non por iso a administración vai poder lavar as mans e deixar que a sociedade se "autoorganice": é o capitalismo da lingua, canibalizarana.
Non consiste en impoñela, consiste en recoñecer dereitos lingüísticos. Escoitamos aos pais que se queixan porque os seus fillos estudan demasiado galego e iso non lles vale para nada. E eu preocupada porque non sei onde meter os meus para que estuden galego! A maioría dos colexios urbanos incumpren as porcentaxes MÍNIMAS para o galego. E que nos queda aos pais por facer? Pois coller a fama de repugnantes, que protestan por todo, e tratar de que eses decretos se cumpran.
Un Marca en galego non é a solución, se quen o fai é por unha subvención. Galiza ten a maior xeración que sabe ler galego e que sabe falalo: úsaa. Á xente gústalle máis Sin Chan en galego que en castelán, por algo será. Hai moitos camiños que a Administración pode usar, como a propia RG Música. Que traballen.
Evidentemente nom se pode impor umha língua por decreto mas tampouco se pode deixar umha língua morrer a nas mãos dos interesses políticos nem dos capitalismos. O caso de Catalunha é mais do que evidente. Alá a burguesia foi quem de criar os instrumentos necessários para a supervivência do idioma. Hoje em dia a pouca gente se lhe pode escapar que o galego tem infinitas possibilidades de uso e isso é algo que nom se está sabendo transmitir nem desde o governo nem mesmo da própria RAG ou a Mesa pola normalizaçom. Se os catalans utilizam o seu idioma pra todos os aspectos da vida, nom só o folclorista ou cultural. Além o catalão nom é umha língua que se fale além das fronteiras do estado espanhol, é dizer nom serve pra transacçons económicas a nível internacional. Porém o galego sim, de facto podemos entender-nos com mais de 200 milhons de seres humanos na nossa própria lingua. Quem determina que nom é válida pra viver? É evidente que o capitalismo e os mecanismos de control que o castelhano sempre desejoso de expandir-se utiliza sobre o galego. Isso somado à secular auto estima baixa dos galegos dá como resultado um idioma em recessom. Temos que chegar aos cidadãos em galego e com contidos que lhes interessem. É evidente que a burguesia galega nom vai fazer nada, salvo honrosas excepçons, assim que é cousa nossa e dos nossos governantes pôr todos os elementos ao nosso favor e apertar-lhe os parafusos aos meios de comunicaçom instalados na comodidade de: "X artigos em galego, X euros". A língua nom é umha mercadoria a língua é um direito e ao tempo teria que ser umha obriga. Tanto um idioma como o outro. Evidentemente quem compra o Marca é porque lhe peta... se o Marca fosse em galego ao melhor tinha mais leitores, eu entre eles ;-)
Um abraço e obrigado polos comentários.