Eliana Martíns/Marcos Ferro (Santiago).
Bernardo Bastida, o patrón maior da Confraría de mariscadores de Ferrol ingresou esta noite no cárcere de Teixeiro, despois de prestar declaración ante o xuíz. O maxistrado decretou prisión provisional sen fianza, baixo os cargos de desobediencia á autoridade, ameazas, coacción e desorde pública.
As reaccións ó encarceramento de Bastida non se fixeron esperar. Ás 21:15, cando o patrón saía cara a prisión, os membros do Comité de Emerxencia para a defensa da ría e mais os mariscadores que esperaban no exterior do xulgado increparon ós gardas que acordoaban a zona, o que ocasionou unha nova carga policial na que se produciron varios feridos.
Coa partida de Bastida cara o cárcere remata un día de tensión no porto de Ferrol, no que o gaseiro 'Mourad Didouche' entrou finalmente nas instalacións de Reganosa, despois de que non puidese facelo o martes en todo o día polas mobilizacións dos mariscadores.
As 300 persoas que se congregaron no peirao de Curuxeiras non foron quen de evitar que entrase o buque, o que consideran un perigo para a súa seguridade. De feito, a modo de protesta, unha vez que o 'Mourad Didouche' atracara para proceder á descarga e que se relaxara a vixianza policial, varios mariscadores colleron as súas lanchas e achegáronse ao buque, e mesmo subiron ao peirao no que está Reganosa.
Con esta acción querían demostrar que non había seguridade na descarga, mentres que eles eran sometidos a unha carga policial. "Calquera pode achegarse e poñer unha bomba", declarou á Radio Galega un dos mariscadores que se aproximou ao buque.
Foi unha tarde moi tensa, que ademais dun forte dispositivo policial e no que houbo moitas discusións, chegouse a cortar o tráfico media hora. Trala concentración en Curuxeiras, en torno ás 18 horas, os mariscadores e mailos membros do Comité Cidadán Para a Emerxencia da Ría desprazáronse aos xulgados de Ferrol, mentres prestaba declaración o patrón maior da Confraría.
A Ría tomada
Pola mañá a ría amencera tomada literalmente por terra e aire polos corpos de seguridade coa fin de evitar que os mariscadores impedisen de novo a entrada do 'Mourad Didouche'.
Como consecuencia da actuación policial, os mariscadores non puideron saír a traballar, así que se dirixiron á Capitanía Marítima para pedir explicacións polo peche. Unha vez alí, demostráronlles que fora unha decisión da Autoridade Portuaria, onde se dirixiron deseguido, ocupando o edificio. Durante a ocupación vivíronse algúns momentos de tensión, e aínda que non houbo enfrontamentos importantes, mesmo Amable do Pico, presidente da Autoridade Portuaria, foi vítima dunha agresión, ao lanzarlle unhas carpetas á cara.
30/05/2007