Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Fenda dixital

O (lento) avance da administración electrónica


Etiquetas: eAdministración, administración, fenda dixital, que rule, interactivo

Silvia Canabal/Juan Castro (Santiago).

Dous séculos despois do famoso "volva vostede mañá", moitos trámites burocráticos seguen sendo un suplicio semellante ao sufrido polo pobre Larra. E iso a pesar do enorme potencial que as novas tecnoloxías da información poñen ao alcance das institucións.

Certo é que nos últimos anos déronse algúns pasos importantes para aproveitar os recursos electrónicos na Administración e facer máis áxil a súa relacións cos cidadáns. Hoxe é posible en moitas zonas facer a través da rede trámites que ata hai pouco podían levar varias horas como son facer a matrícula da universidade, presentar a declaración da renda ou pedir cita co médico, pero a situación está lonxe do que prometen dende hai anos.

Medidas como o plano europeo de acción sobre administración electrónica i2010 ou o Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) queren dar un importante pulo á e-Administración nos próximos catro anos. O reto é que, de aquí a 2010, se poidan resolver a maioría dos trámites burocráticos en “ventaniñas virtuais”, que non eliminen as oficinas reais, senón que as complementen. Con iso, a dixitalización debería liberalas de atender a un número alto de cidadáns, polo que poderían especializarse en trámites concretos.

O D.N.I. electrónico
Unha gran tarefa pendente da Administración é mellorar a comunicación e o intercambio de información entre os seus diferentes niveis. Isto redundaría nunha maior eficiencia e menor gasto público, ao tempo que se evitarían duplicar moitos trámites. ¿Quen non tivo que presentar varias fotocopias do DNI en diferentes oficinas para conseguir un único certificado?

Neste contexto, o DNI electrónico debe ser a ferramenta que permita facilitar os trámites e realizalos de forma segura a través da rede. Aínda que se comezou a expedir no 2006 non se espera que a súa implantación sexa plena ata finais deste ano. En Galicia está a ser un éxito, con máis de cen mil novos carnés expedidos, o 20% de todos os do Estado.

¿Que o fai diferente do carné de identidade de toda a vida? Basicamente, a súa capacidade de identificarnos grazas á firma dixital e ao certificado cos nosos datos, verificable mediante un sinxelo lector de tarxetas. 

Sombras: seguridade e dificultade
O DNI-e non o ten fácil para romper dúas reticencias importantes que moitos cidadáns teñen cos trámites na rede: a falta de seguridade e a dificultade de uso. O emprego de moitas oficinas virtuais vese prexudicado polos numerosos formularios a completar. Utilizar o novo carné debería axilizar o proceso, equivalendo a levar sempre unha fotocopia do D.N.I. tradicional. 

Malia todo, está por ver se será capaz de romper outro tabú fundamental, a falta de seguridade. Aínda que os sistemas de verificación de datos melloraron moito nos últimos anos, a desconfianza respecto a privacidade na rede segue sendo xeneralizada. Segundo unha enquisa do INE, para o 62% dos españoles que non compran a través de internet, un dos factores clave é o temor ao uso indebido dos seus datos.

Falta de loxística e interese
Segundo a Consellería de Innovación, só un de cada cinco galegos emprega internet para obter información administrativa e apenas un de cada dez descarga ou envía formularios, o que contrasta coa boa aceptación que tivo o D.N.I. electrónico en Galicia. Os factores determinantes para non facer uso da e-Administración son segundo á Consellería son “non ter necesidade” ou “non saber como facelo”. Non chega con ter adaptadas as institucións á realidade dixital nin deseñar os instrumentos necesarios. Máis alá diso, o éxito ou o fracaso da e-Administración dependerá de que a cidadanía coñeza as vantaxes da administración electrónica, entenda a necesidade do cambio, e se sinta parte del.

¿Cal é a solución? ¿Campañas informativas? Obviamente, é necesario un labor pedagóxico e didáctico por parte das institucións,  pero todo isto non son máis que danos colaterais dun problema fundamental: tan só un 34% dos cidadáns usan internet e pouco máis dun de cada cinco fogares dispón de conexión (informe eEspaña 2006). ¿Ten lóxica lamentarse de que os cidadáns non teñan interese na burocracia on-line cando nin sequera poden ter unha conexión decente?

02/06/2007

5'0 (8 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Información relacionada

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso